Thursday 02 de May de 2024

O Concello inicia os traballos de mellora do firme e formación de cunetas no lugar de Padrín


• Despois de executar a ampliación da rede de saneamento, comeza a pavimentación da zona con formigón armado.
• A intervención está incluída nun proxecto cun valor total de case 110.000 euros.
O Concello de Miño iniciou esta semana os traballos de reparación do firme e de formación de cunetas no lugar de Padrín, situado na parroquia de Bemantes, dentro dun proxecto cun valor total de 108.638,50 euros. Trátase da segunda fase da intervención, na que nun primeiro momento executouse a extensión da rede de saneamento.
A vía na que se están acometendo os traballos ten unha extensión de 150 metros de lonxitude. Despois da instalación das tubaxes e dos pozos de rexistro ao longo da canalización, está a procederse a pavimentar o firme con formigón armado e á formación de cunetas a ambas as marxes.
No mes de novembro de 2020 iniciáronse as obras na rede de saneamento, que dotou do servizo a sete vivendas da zona situadas entre Padrín e Ansimonde, así como a numerosas parcelas edificables.